A FUNCIÓN SERÁ O SÁBADO 12 DE NOVEMBRO ÁS 19:00 H NO CENTRO CÍVICO DE FONTIÑAS, EN SANTIAGO DE COMPOSTELA, DENTRO DA PROGRAMACIÓN DA REDE CULTURAL DA EXCMA DEPUTACIÓN DA CORUÑA.
“Brancas” é unha montaxe no seu momento concebida como itinerario escénico urbano e sobre todo de rúa que nesta ocasión recalará no Centro Cívico de Fontiñas para intervir o espazo escénico nunha performance na que por medio do branco e de obxectos cotiáns (cordas, tela, madeira, froitos de casca, farelo, pinzas, etc…) faise un percorrido palmo a palmo polo nosa identidade, os noso oficios, a nosa tradición, as nosas letras ou a nosa historia.
Para elo “Brancas” conta cun elenco multidisciplinar que pon o mellor das súas capacidades escénicas ao servizo de varios eixos de discurso como son a muller no mundo tradicional, os oficios, a literatura ou a memoria.
7 artistas como Bea Bravo, Greta Marí, Fabiana Gastaldello, Iván Villar, María Polo, Yolanda Paz ou Nelson Quinteiro, que porán sobre a area do centro cívico de Fontiñas unha morea de disciplinas que van dende a danza, tanto tradicional como contemporánea, a performance, o mimo, o canto tradicional, o teatro de texto ou o movemento, con sete artistas cunha xa máis que consolidada formación e traxectoria profesional.
En “Brancas” cada artista dá o mellor de sí mesmo e consiguen, entre todos crear unha atmósfera plástica arredor da cor branca e do crú, xogando cos elementos, modificando o espazo e esculpindo, en definitiva unha composición artística altamente visual.
Cunha enorme sensibilidade e unha banda sonora moi emotiva, con música en directo de Nelson Quinteiro pero tamén cancións coñecidas de artistas como Leilía ou Yann Tiersen, “Brancas” roza a alma e aborda a nosa identidade, levándonos a un universo paralelo onde as lavandeiras mestúranse con redeiras, labregos e labregas, tendais de roupa, emigrados e emigradas, traballadoras da conserva, escritores e escritoras e onde a choiva marca a banda sonora das nosas vidas.
Con concepto e dirección de Nelson Quinteiro, en Brancas o traballo individual das pezas de cada artista cobra grande intensidade, e mesmo podemos apreciar unha danza con ás de Isis da man de Yolanda Paz, un solo con mantón negro de María Polo, unha pantomima creada por Fabiana Gastaldello, un dúo de danza composto por Greta Marí, un alalá da man de Nelson Quinteiro ou escenas de danza tradicional creadas por Iván Villar.
O resultado é un espectáculo de 50 minutos moi pouco convencional, de grande intensidade e carga emotiva que rematará nun feche expasivo na que cada artista ocupará unha estacia do centro cívico e no que se convidará ó espectador a percorrer as instalacións do Centro Cívico de Fontiñas desfrutando do feito escénico coma se se tratase dun espazo museístico no que as accións, individuais e efímeras convivirán ó mesmo tempo.
+ INFO: http://www.cabare3.org/femmefatale/brancasG.html
IMAXES DE MON SALMÓN TOMADAS NA FEIRA DE 1900, ARTEIXO, 16 DE OUTUBRO DE 2011
A COMPAÑÍA FEMME FATALE PRESENTA A SÚA NOVA MONTAXE NO AUDITORIO MUNICIPAL DA CIDADE DAS BURGAS, DESPOIS DE ENCHER O TEATRO ROSALÍA DE CASTRO DA CORUÑA NESTA ESTREA COMPARTIDA ENTRE A CORUÑA E OURENSE
O vindeiro venres 4 de novembro, e ás 21:00 h as nenas da Compañía Femme Fatale volveranse perder no Auditorio Municipal de Ourense.
Para elo volveranse arropar dunha banda sonora que sona a blues, da man da Banda Micky Nervio & Bluesmakers, e da voz da cantante Carla de Figueredo, ofrecendo así unha nova sesión da estrea absoluta de As Nenas Perdidas.
Neste espectáculo, a cuarta montaxe de sala da Compañía Femme Fatale, as actrices Bea Bravo, Carla de Figueredo, Greta Marí, María Polo, Saamira Ganay, Uxía Vázquez e Yolanda Paz dan o mellor de sí mesmas nunha montaxe na que revisan o seu papel dentro do libro de JM Barry “Peter Pan”, reivindicando a a propia imaxinación, a capacidade de xogar, a seducción ou a rebeldía como nova forma de negarse a medrar, e convertíndose en Batallón de Nenas Perdidas acompañadas dun Peter con aires punk, e interpretado por Nelson Quinteiro, director e coreógrafo da montaxe.
Cunha estética retrofuturista e un discurso actual, afilado e pouco amable, a Compañía Femme Fatale reivindica. E faino dun xeito claro, pasando pola máquina temas como o papel das mulleres nos contos e na vida real, os contos infantís e a súa manipulación ó servizo de certos poderes, a infancia, a inocencia, a capacidade de xogar do ser humano,a guerra e a súa visión por parte das nenas, e sobre todo a esperanza por medio da imaxinación como canle, vía e camiño de rexurdimento ante a situación de crise, precariedade e desencanto da que tamén se fala na obra, e en clara reminiscencia a pensadores como Hebert Marcuse ou Right Mills.
O resultado é unha montaxe de 75 minutos de duración na que se dá un salto entre contos como Peter Pan, a Historia Interminable ou O Mago de Oz, e que en palabras do xornalista J.A. Martínez Sevilla resúmese no seguinte:
“Los esquemas del cabaret tradicional ceden paso al espectáculo de variedades. Reflexiones críticas sobre la sociedad. Expresión de sentimientos. Conmoción del alma. Aquí están los viejos juegos infantiles, los cuentos de la abuela, las cortapisas educativas, la fidelidad a nosotros mismos, los errores para superarlos… Siete muchachas que nos seducen. Siete piropos que ruedan al encuentro. Siete corazones lanzados al patio de butacas ofreciendo lo mejor de sí mismas.”
Podedes ver máis novas e críticas na seguinte ligazón
O prezo da entrada será de 7 € (5 € con carné xove, desemprego ou +65 anos) e poderá ser retirado na taquilla do propio auditorio o mesmo día da función.
IMAXES DE IRIA LIS. Teatro Rosalía de Castro. 29 de outubro de 2011
A Compañía Femme Fatale estrea a súa cuarta montaxe de sala “As Nenas Perdidas”
A OBRA SERÁ REPRESENTADA O SÁBADO 29 NO TEATRO ROSALÍA DE CASTRO DA CORUÑA FECHANDO ASÍ A SEXTA EDICIÓN DO FESTIVAL GALEGO DE CABARÉ, E O 4 DE NOVEMBRO NO AUDITORIO MUNICIPAL DE OURENSE

“Cando Barry artellou o País de Endexamais esqueceuse das nenas. Ó constructor dun mundo imaxinario onde os nenos se negaban a medrar e podían voar quedóuselle no tinteiro a metade da poboación infantil do planeta Terra”.
Baixo esta sentencia comeza o novo espectáculo da Compañía Femme Fatale, unha obra de cabaré contemporáneo que profundiza neste mito, o de Endexamais, con un Batallón de Nenas Perdidas, que reivindican a propia imaxinación, a capacidade de xogar, a seducción ou a rebeldía como nova forma de negarse a medrar.
Pero AS NENAS PERDIDAS vai moito máis alá do conto de Peter Pan. A obra basculará entre diferentes puntos temáticos, como os contos e a súa influencia na nosa educación, e como estes poden ser manipulados; a imaxinación, a capacidade de xogar, os novos xeitos de negarse a medrar; a guerra, a crise, a visión que pode ter diso a infancia ou a perda da inocencia. Trazado dende unha perspectiva de xénero e empregando o cabaré e as imaxes do mesmo como vehículos para o discurso. Peterpanismo, xogo de sombras ou cabaré para rexurdir reivindicando unha evasión romántica ós tempos que nos tocou vivir.
A obra conta coa participación das actrices Bea Bravo, Greta Marí, Bea Bravo, María Polo, Saamira Ganay, Uxía Vázquez e Yolanda Paz como Batallón das Nenas Perdidas, ás que acompaña a cantante Carla de Figueredo poñendo voz ó conxunto. A elas acompáñaas Nelson Quinteiro, que nesta ocasión convertirá a Peter Pan nunha especie de narrador omnisciente.
Para a estrea, o sábado 29 de outubro no Teatro Rosalía de Castro da Coruña ás 21:00 h AS NENAS PERDIDAS deixaránse arroupar doutro batallón de nenos perdidos, a banda “Micky Nervio & Bluesmakers”.
A estrea será compartida, e xa o venres 4 de novembro será representada ás 21:00 h no Auditorio Municipal de Ourense, acompañadas nesta ocasión da banda “St James Street Band”
Queridos amigos e amigas,
Debido ó estado do ceo, que impide a montaxe na Praza de María Pita, o espectáculo ROJO a cargo da Compañía LA INDUSTRIAL TEATRERA pasará a celebrarse ás 20:30 h no SALÓN DE ACTOS DO CEIP CURROS ENRÍQUEZ (Campo de Marte, Montealto).
O acceso ó recinto farase pola cancela de entrada ó colexio, no propio Campo de Marte.
Das dúas portas existentes a de acceso ó recinto será a que está situada máis próxima á Rúa Ramón del Cueto.
Pedimos desculpas polo inconvintes e convidámoslle a presenciar este interesante espectáculo que axunta clown, acrobacias aéreas e outras disciplinas circenses.
Moitas grazas,
A Dirección do VI Festival Galego de Cabaré.
O VI FESTIVAL GALEGO DE CABARÉ BOTA O FECHE CON DÚAS XORNADAS NAS QUE A COMPAÑÍA ANFITRIONA DESPIDE O SEU BUQUE INSIGNIA E DALLE A BENVIDA Á SÚA NOVA MONTAXE “AS NENAS PERDIDAS”
O VI Festival Galego de Cabaré toma a súa recta final coa compañía anfitriona como peza fundamental. As actividades de despedida darán comezo o venres 28 ás 20:00 h no Obelisco, coa despedida do espectáculo CABARÉDEAMBULANTE, o ata agora buque insignia e espectáculo máis representado da compañía. Seguiralle a quenda ás extremeñas Hnas Trilita co seu espectáculo “This isn´t a cabaret” ás 22:00 h no Bar INK (Rúa Independencia). O colofón final chegará o sábado 29 ás 21:00 h no Teatro Rosalía de Castro, coa estrea absoluta do espectáculo AS NENAS PERDIDAS, a cargo de Femme Fatale con banda sonora de Micky Nervio & Bluesmakers ou Carla de Figueredo.
Venres 28. 20:00 OBELISCO. Cabarédeambulante
CABARÉDEAMBULANTE é un espectáculo de teatro de rúa, animación, danza e intervención urbana.
5 músicos de jazz (caixa, tuba, saxo e trompeta) acompañados de 5 actrices e un mestre de cerimonias percorren as rúas a golpe de purpurina, tacóns e altas doses de glamour envoltas baixo un fío conductor coreográfico.
CABARÉDEAMBULANTE é unha ruptura coa cotidaneidade, un espectáculo para todos os públicos que enche de cor, música dixie e teatro de rúa as rúas, prazas e espazos urbáns.
En CABARÉDEAMBULANTE todo é posíbel. Unha alameda pode converterse nun bulevar, unha terraza dun bar nun Music Hall, o kiosko dos músicos pode ser escenario improvisado dun can can. É un espectáculo sobre todo itinerante que se adapta ó itinerario que nos sexa marcado, facendo uso de todo o que esté ó noso alcance para subvertir a realidade.
En CABARÉDEAMBULANTE hai mimo, coreografías de swing, improvisación, animación de rúa e música en directo.
Un espectáculo que percorreu prazas como Madrid, San Fernando de Henares, A Coruña, Lugo, Santiago de Compostela, Ferrol , Lekeitio, Laxe, Vigo, Carral, Arteixo, Ourense…
Venres 28. 22:00 BAR INK. This isn´t a cabaret
‘This isn’t a cabaret’ é o nome do espectáculo das Hnas Trilita (Extremadura) no que os ciumes entre irmás e o duro mundo das bambalinas amósase con toda a súa crudeza e altas doses de humor. Para elo crean un espectáculo en clave de cabaré que chegará ó Bar INK (Rúa Independencia) nun formato de café-teatro, un dos xéneros que menos é representado na nosa cidade.
A entrada do espectáculo é de 3 €
Sábado 29. 21:00 h TEATRO ROSALÍA DE CASTRO. As Nenas Perdidas
AS NENAS PERDIDAS é un espectáculo de cabaré contemporáneo que profundiza no mito de Endexamais, con un Batallón de Nenas Perdidas, que reivindican a propia imaxinación, a capacidade de xogar, a seducción ou a rebeldía como nova forma de negarse a medrar.
Peterpanismo, xogo de sombras ou cabaré para rexurdir reivindicando unha evasión romántica ós tempos que nos tocou vivir, nunha montaxe que aborda cuestións como a infancia, a guerra, a sexualidade ou a inocencia dende unha perspectiva transversal no que o discurso de xénero é o eixo fundamental.
Despois de “Lerchas”, que abordaba a trampa lingüística, ou “Varadas”, que falaba da violencia en contra das mulleres chegan “As Nenas Perdidas”, unha continuación desta liña de discurso que dalle unha volta de parafuso ó cabaré como xénero da man da Compañía Femme Fatale.
Un espectáculo en versión gala, que aposta por subir ao escenario do Teatro Rosalía de Castro unha chea de profesionais que arrouparán o feche á VI edición do Festival Galego de Cabaré: nenos e nenas perdidas como as 8 actrices da Compañía Femme Fatale, a cantante Carla de Figueredo, ou os seis músicos en directo da banda Micky Nervio and The Bluesmakers ou o director da montaxe, Nelson Quinteiro no papel dun Peter pan moi pouco convencional.
ELENCO Bea Bravo, Carla de Figueredo, Greta Marí, María Polo, Nelson Quinteiro, Saamira Ganay, Uxía Vázquez, Yolanda Paz.
DURACIÓN 100 minutos.
XÉNERO Cabaré Contemporáneo.
IDEA E DIRECCIÓN Nelson Quinteiro.
Entrada gratuíta previa retirada de invitación.
As mesmas levan postas ó público dende o día 17 de outubro no kiosko da Praza de Ourense ou na taquilla do teatro Rosalía de Castro até fin de existencias, e cun máximo de 3 por persoa.
A COMPAÑÍA CATALANA LA INDUSTRIAL TEATRERA LEVAN A MARÍA PITA O EMOTIVO ESPECTÁCULO “ROJO”, UNHA MONTAXE DE RÚA QUE MESTURA CLOWN, ACROBACIAS AÉREOS OU UNHA ISTALACIÓN QUE REPRODUCE UNHA BARRACA CIRCENSE
Premiado co premio UMORE AZOKA de Leioa 2009, ao mellor espectáculo de rúa o VI Festival Galego de Cabaré comprácelle en presentarlles o espectáculo ROJO de La Industrial Teatrera que terá lugar na Praza de María Pita o xoves 27 de outubro ás 20:00.
Trátase dunha instalación urbana que constrúe un pequeno anfiteatro con aforo para 140 persoas ao aire libre e que ao mesmo tempo permite desfrutar do espectáculo dende fóra.
A montaxe, trazada dende a linguaxe do clown explora outras disciplinas como a mímica, o cinema mudo ou os aéreos, cunha interpretación e execución de altísima calidade.
Interpretado por Jaume Navarro e Mamen Olías, cunha duración de 45 minutos e pensado para todos os públicos, o espectáculo fai unha belísima reflexión sobre a natureza humana en tempos de guerra. A estética tanto da infraestructura en sí mesma coma do vestiario é dun poder evocador inmenso, e o sistema de luz e son amplifica o resultado.
Está pensado para ser executado ó solpor, entre o lusco e fusco, e é así, comezando cos vermellos do atardecer e rematando co escuro da noite cando é realmente espectacular no seu conxunto. O espectáculo, dentro da sección TODO PÚBLICO do festival é gratuíto e destinado a todos os públicos.
Podedes ver unha mostra do seu traballo no seguinte vídeo: http://www.youtube.com/watch?v=48sjqQ9Nc2M
IMPORTANTE:
En caso de choiva:
O espectáculo será representado media hora máis tarde ó inicio anunciado no Salón de Actos do CEIP Curros Enríquez, no Campo de Marte, Montealto.
OS PREMIADOS “LE FRIGO” OU “LIFE IS A PARIPÉ” CHEGARÁN Ó FÓRUM METROPOLITANO DENTRO DA SECCIÓN OFICIAL DO VI FESTIVAL GALEGO DE CABARÉ
O Festival Galego de Cabaré encheu A Coruña de música, danza e teatro dende o xoves 22. A Compañía Tangatutanga foi a encargada de inaugurar o escenario do Fórum Metropolitano con Aberto por Folga que rexistrou moi boa entrada de público, mais non tanto como a Factoría Galaica de Improvisacións, que o venres case enche o aforo.
E xa o sábado un doblete: a Rúa Real abarrotada de nenos/as e non tan nenos/as que riron a esgalla con Peter Punk e o Neno Imperdible. Malabares, clown, música, acrobacias, circo e ata a participación dos asistentes fixeron as delicias dos presentes. Humor gamberro que non deixou a niguén indiferente. A continuación, no Fórum Metropolitano, un público entregado deleitouse coa voz da vocalista francesa Coraline Yap-Chine e os acordes dos seus músicos.
Por mor do temporal de choiva e vento e da alerta laranxa, foi imposible desfrutar das acrobacias aéreas de Cabaret Capicúa, que chegaban dende Cataluña con importantes premios nas súas espaldas, como o do xurado no festival OFF de Artes de Rúa das Festas do Pilar de Zaragoza ou o Premio do Público no Certame de artes de rúa e circenses de Ávila.
Mais aínda quedan espectáculos moi premiados por desfrutar.
LE FRIGO
A Compañía Mundo Villalustre, o martes 25 e dende as 20:30 ofreceranos a representación de “Le Frigo”, unha coproducción entre Mundo Villalustre, Teatro Nu ou La Tía Mardalina coa dirección escénica de Zé Paredes.
Despois de pasar polo Festival internacional VISIBLE de Madrid, a Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, ou a Mostra Galega de Artes Escénicas, Mundo Villalustre encarnará no Fórum e xa dentro do noso festival o papel de L., un home que é muller ó mesmo tempo e que o día do seu 50 aniversario descubre un abraiante agasallo: un frigorífico. Humor absurdo, comedia de xénero, farsa de costumes, melodrama ou cabaré, nun dos textos máis fascinantes das escena contemporánea.
Prezo da localidade: 7 € (5 € cos descontos habituais)
LIFE IS A PARIPÉ.
A Compañía Obras Públicas chegará ó Fórum o mércores 26 para ofrecer, á mesma hora a obra “Life is Paripé”, unha obra concibida en principio para café-teatro pero que dada a talla dos seus artistas o interese da proposta foi levada ós teatros chegando a recibir varios premios María Casares ou unha nominación ós Premios MAX como espectáculo revelación.
En “Life is a paripé” Obras Públicas bebe do mellor café-teatro par ainstaurar co respetable unha relación de proximidade. Pouco fai falla máis alá dos seus intérpretes, Goldi, Mos e Iolanda Muíños, tres rostros en coñecidos polas súas colaboracións co Centro Dramático Galego, as series de producción propia da TVG ou o audiovisual galego.
En definitiva, un espectáculo perfectamente medido e realizado para ter 75 minutos de liberdade.
E o festival continúa… pero isso merece máis novas de prensa.
+ INFO: www.cabare3.org
Donas e cabaleiros,
Debido ó temporal de chuiva e vento que azouta A Coruña a día de hoxe tense que suspender a función do espectáculo CABARET da Compañía Capicúa de Barcelona.
O motivo é a choiva e o vento que imposibilita a realización na rúa das acrobacias aéreas das que se compoñía o espectáculo.
Por outro lado, aínda que tiñamos reservado o salón de Actos do CEIP Curros Enríquez para casos de inclemencias metereolóxicas resulta que o servicio de Protección Civil tivo que precintar o Campo de Marte, acceso a dito centro, polo que a segunda opción tamén resulta inviable.
Sentimos a molestias e danos moita mágoa. Esperamos contar con esta compañía en proximas edicións do Festival Galego de Cabaré.
Grazas.
CATRO ESPECTÁCULOS DE CORTE MOI DIFERENTE ENCHERÁN A PROGRAMACIÓN DESTA FIN DE SEMANA NA SEXTA EDICIÓN DO FESTIVAL GALEGO DE CABARÉ
O VI Festival Galego de Cabaré cobra intensidade nunha fin de semana chea de actividades para todos os públicos.
Despois do éxito do “Aberto por Folga” da Compañía Tangatutanga no Fórum Metropolitano, nunha aposta de teatro aficionado moi orixinal e de fonda pegada e que debuxou un sorriso nos beizos dos espectadores chégalle o turno, hoxe venres 21 á estrea do espectáculo “ORA IMPRO-NOVIS” a cargo da Factoría Galaica de Improvisacións, ás 20:30 h no Fórum Metropolitano cunha entrada de 5 € (3 € con descontos).
A festa continuará na rúa real, o sábado 22 ás 19:00 h coa presentación, e xa dentro do ciclo TODO PÚBLICO do espectáculo PETER PUNK E O NENO IMPERDIBLE, unha proposta de rúa no que o clown, o humor, a música en directo e a conciencia solidaria encherán a rúa nunha proposta gratuíta, adicada a todos os públicos na que o coñecido artista Isaac Rodríguez e Brais das Hortas encherán a rúa do mellor espectáculo.
Arrancando a sección oficial, e unha hora e media máis tarde, ás 20:30 h chegará ó Fórum Metropolitano a cálida e sensual voz de Coralie Yap-Chine e a súa proposta ESTIVAL, na que a cantante francesa déixase arroupar por unha banda de músicos de grande altura como Pablo Seoane (piano), José Manuel Díaz Iglesias (contrabajo) ou Álvaro Trillo (batería).
As entradas deste espectáculo estarán a 7 euros (canet joven, + 65 años o desempleados, 5 euros)
Finalmente, e xa de novo na rúa volverá a haber espectáculo gratuíto e para todos os públicos, coa presentación en primicia na nosa comunidade do espectáculo “Cabaret” a cargo da Compañía Capicúa de Cataluña. Este espectáculo, premiado en festivais como a sección OFF de rúa das Festas do Pilar ou o Certame de Artes escénicas e circenses de Ávila conxuga cabaret, acrobacias aéreas, teatro xestual, humor e moita calidade.
Lembrarvos que tedes á vosa disposición a web www.cabare3.org para calqueira dúbida ou ampliar a información dos espectáculos.
IMPORTANTE:
En caso de choiva os espectáculo de rúa serán representados media hora máis tarde da hora marcada no Salón de Actos do CEIP Curros Enríquez, no Campo de Marte, MONTEALTO, A Coruña.
Arranca a sexta edición do Festival Galego de Cabaré que durante máis dunha semana encherá A Coruña de espectáculos
A MOSTRA, QUE SE CELEBRARÁ ENTRE O 20 E O 29 DE OUTUBRO CONTARÁ CON MÁIS DUNHA DUCIA DE ESPECTÁCULOS NOS QUE PARTICIPARÁN MÁIS DE 50 PROFESIONAIS DAS ARTES ESCÉNICAS.

Arranca a sexta edición do Festival Galego de Cabaré que durante máis dunha semana encherá A Coruña de espectáculos
Este mediodía o Fórum Metropolitano da Coruña encheuse de glamur, flashes e sorrisos no que foi o pistoletazo de saída do Festival Galego de Cabaré, a mostra de teatro, música e danza única en toda a Península que dende o 20 ao 29 de Outubro dinamizará as rúas da Coruña, os teatros e os bares, cunha programación moi completa e variada de 13 espectáculos repartidos en tres bloques temáticos.
Pola alfombra vermella e o “photocall” instalados no hall do Fórum Metropolitano pasaron as actrices da compañía anfitriona, Femme Fatale, o Director do Festival, Nelson Quinteiro, A Directora do Fórum Metropolitano, Begoña Llamosas e o Director do Teatro Rosalía de Castro, Xosé Paulo Rodríguez.
Unha choiva de flashes e moita música en directo da banda Micky Nervio and The Bluesmakers para un acto público, participativo e moi concurrido, no que os asistentes coñeceron a programación do Festival e compartiron brindis e bombóns coas actrices asistentes.
Para darlle continuidade ao que pretende ser unha campaña divulgativa que chegue a todos e cada un dos recunchos da cidade, o vindeiro mércores 19 dende a organización do Festival e a Compañía Femme Fatale convídase a todos os coruñeses e coruñesas a participar nun Flash Top baixo o título
“Un Festival sobre rodas” a modo de marcha ciclofestiva polas rúas da cidade para festexar a chegada da Sexta Edición do Festival.
O percorrido comezará no Campo de Marte ás 19.00h, empregando o servizo municipal de bicicletas, debidamente caracterizados de principios do Século XX.
Non esquenzades que dende a web www.cabare3.org podedes consultar toda a programación, contidos, etc… e que neste mesmo blog do mesmo será actualizado a diario con todas as actividades que forman parte desta particular mostra.










































































